Praias

O municipio de Cariño está salpicado de varias praias e calas, cunha ondaxe moderada que permiten o baño tranquilamente. O clima de Cariño, suave durante todo o ano, fai que raramente se superen os 25º de temperatura ambiente no verán, coa temperatura do mar arredor dos 20º.

No núcleo urbano de Cariño está a praia da Concha e a Basteira, un extenso areal en forma de arco de 1 km e medio dividido en dúas partes por un espigón. Ten area fina de cor dourada e grisácea, augas tranquilas sobre todo na zona da Concha e unha importante zona dunar. Queda entre a baía e o paseo marítimo e conta con servizos de ducha, lavapés e recollida de lixo, así como varios parques infantís no paseo marítimo. É adecuada para a práctica do windsurf ou kitesurf en días de vento de NE.

Na zona antiga de Cariño está unha pequena cala chamada Peiral do Campo ou do Mallorquín á que se accede á través dunhas escaleiras desde a Rúa do Campo. Ten 40 metros de longo e unha zona de cantil na parte posterior, así como varios illotes que salpican a zona de baño. É de pedras ou bolos na súa maior parte aínda que no seu extremo esquerdo hai unha parte de area fina que queda cuberta con marea alta. É moi adecuada para a práctica do mergullo.

Na península de Figueiroa – na parroquia da Pedra – temos outros dous preciosos areais. A praia de Fornos é un fantástico areal de 400 m de longo en forma de arco, auga cor turquesa e area finísima de cor grisácea e avermellada, que sorprende aos bañistas. Esta cor débese a aportación de materiais xeolóxicos existentes no Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal. Dispón de duchas, baños e servizo de socorrismo durante o verán. A praia de Figueiras é outro areal de pequena extensión ao que se accede por unhas escaleiras. De augas tranquilas e abrigado dos ventos dominantes é o preferido polas familias que buscan tranquilidade e relaxación nun entorno natural impresionante. Desde esta praia pódese acceder ao areal dos Cabalos ou da Postiña en marea baixa, unha praia illada xusto enfronte da praia de Morouzos no veciño concello de Ortigueira.

Localización GPS:

  • Peiral do Campo ou Mallorquín, Cariño , GPS 43.744253, -7.867022
  • Praia da Concha, Cariño , GPS 43.739893, -7.870097
  • Praia da Basteira, Cariño , GPS 43.732029, -7.873235
  • Praia de Fornos, Figueiroa – A Pedra , GPS 43.713153, -7.854245
  • Praia de Figueiras, Figueiroa – A Pedra , GPS 43.711491, -7.861337 

Ligazóns

Praia
Praia
Praia
Praia