Proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal
O concello de Cariño está enclavado nun lugar que é un referente na xeoloxía española e europea: o Complexo de Cabo Ortegal. Este complexo está constituído principalmente por materiais alóctonos, emprazados nun lugar distinto al que se orixinaron. Visitar esta zona é facer unha viaxe ao interior da Terra. Hai poucos lugares no mundo que teñan o privilexio de amosar as rochas desta maneira.
A súa xénese comezou hai uns 490 millóns de anos, no Cámbrico Superior, coa formación do Océano Rheico, separando Laurusia de Gondwana, que colisionarían máis tarde por mor da Oroxenia Varisca dando lugar a unha grande cordilleira montañosa de máis de 3000 quilómetros e montañas de 8000 metros. Como resultado desta colisión orixinouse Panxea, un único continente.
Así é que na actualidade temos ante nós os vestixios desa colosal cordilleira que mesmo arrastrou materiais que formaban parte do antigo océano Codia Oceánica e do Manto Terrestre, presente a máis de 70 quilómetros de profundidade.
Daquela, esa singularidade litolóxica vese representada por salientables afloramentos de ecloxitas e piroxenitas, consideradas coma os maiores a nivel mundial. Existe tamén unha presenza destacada de rochas ultramáficas e distintos tipos de granulitas.
Este conxunto litolóxico, tan anómalo na superficie terrestre, fai desta zona un referente a nivel científico e divulgativo.
Existen varios Lugares de Interese Xeolóxico no noso concello, por exemplo o Macizo de Herbeira, o Macizo do Limo, a Punta dos Aguillóns, a praia de Fornos, o Monte da Miranda ou a Ría de Cariño - Ortigueira.
Un Xeoparque é unha figura recoñecida pola UNESCO que pon en valor o singular patrimonio xeolóxico dun territorio. Ademáis de notables recursos xeolóxicos, os xeoparques son lugares de grande riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural nos que é posible desenvolver proxectos educativos e de promoción turística dos seus recursos naturais. Daquela, a creación e funcionamento dun Xeoparque debe ter como alicerces básicos o patrimonio xeolóxico, a xeoconservación e o desenvolvemento local.
Posibilidades de Cabo Ortegal como Xeoparque
- O Complexo de Cabo Ortegal é un referente na xeoloxía española e europea.
- A grande cantidade de publicacións científicas que existen da zona poñen de manifesto o seu alto interese en xeoloxía, xeomorfoloxía, edafoloxía, bioloxía ou arqueoloxía, mais tamén noutros ámbitos como o histórico, cultural, deportivo ou gastronómico.
- O territorio do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal abarca sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño, daquela a súa catalogación de Xeoparque serviría de motor socioeconómico da zona, incrementando ao mesmo tempo o coñecemento e potencial turístico de Galicia.
- A UNESCO valora especialmente o desenvolvemento do turismo científico, o xeoturismo, a conservación do medio natural e a colaboración co resto de membros da Rede Europea e global de Xeoparques.
- Unha das primeiras iniciativas didáctico-turísticas, vinculadas ao turismo científico, son as xeorutas ou roteiros xeolóxicos dentro do territorio do parque, establecéndose un total de 19 rutas xeolóxicas que discorren por aqueles lugares con maior valor xeolóxico.
* (texto extraido do folleto “Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal”)