Gastronomía

Galicia é moi afamada como destino gastronómico e Cariño non o ía ser menos. Aquí xúntanse o mar e a montaña dando como resultado unha importante variedade de productos. Peixes, mariscos, carnes, verduras … un auténtico deleite para o padal.
O percebe de Cabo Ortegal está considerado entre os mellores de Galicia (senón o mellor) debido o escarpado das rochas onde se recolle e a que canto máis bate o mar nel mellor é.
Un prato típico de Cariño son os Berberechos fritidos ou á Cariñesa, feitos con pemento, cebola sobre unha cama de pataca fritida.
Outro dos pratos típicos son as Sardiñas Lañadas, que é unha forma tradicional de preparación de peixe, conservándose a través dunha salgadura: o peixe límpase e ábrese ao medio, pásase por unha salsa de auga con sal e despois déixase secar. As sardiñas ásanse nas brasas e van acompañadas dun pedazo de pan ou de cachelos (pataca cocida cortada en rodelas).
Como boa vila mariñeira, a Caldeirada de Peixe (de raia, de pescada,...), un tipo de guiso de peixe, é outro dos manxares que poderedes degustar, así como o Revolto de algas e ourizos.
Xa falando da carne, os pastos da Serra da Capelada alimentan ás vacas de raza rubia galega e dan como resultado unha carne de excelente calidade, podendo degustala á brasa, á prancha ou guisada.
Outros pratos que poderás degustar en temporada son o Caldo Galego, o Cocido, o polbo, as ameixas, as navallas, etc.
No tocante ás sobremesas, cómpre falar das que son típicas de Entroido, como son as chaolas e os freixós (filloas), un tipo de crêpe típico de Galicia.