Festas

Ao longo do ano celébranse no municipio diversos eventos e festas. Cada parroquia ten as súas festas relixiosas:

En Cariño:

  • Romaría de S. Xiao, no lugar do Trebo, o último sábado de xaneiro. Romaría con grande afluencia de xente cara o contorno da antiga vila romana, nas proximidades de Ortegal.
  • As Angustias, o 1º domingo de xullo. Primeira festa estival en Cariño.
  • O Carme, o 15 e 16 de xullo. Festa dos mariñeiros por antonomasia, con fermosa procesión marítima, a máis longa de España,  polo contorno dos cantís de Ortegal, e acompañamento da tradicional Danza de Arcos.
  • Bartolo. Festividade en honra do patrón da vila. Dende o 23 ao 26 de agosto, rematando nesta última data coa xira campestre en Cantalarrana. O 24 de agosto, día maior, celébrase a procesión do santo polas rúas do pobo.

Na Pedra:

  • San Antonio, o 13 de xuño. Primeira festa estival no Concello.
  • Nosa Señora. Festas patronais da parroquia. Celébranse sempre arredor do día 15 de agosto, día de Nosa Señora, cando sae a santa en procesión.
  • A Milagrosa, 2º domingo de xullo en na fermosa capela de Figueiroa, A Pedra.

En Feás:

  • San Pedro, o 29 de xuño
  • Os Remedios, o 2º domingo de setembro. Festividade que se vive co maior afluencia de xente na parroquia. Con ela rematan as festas estivais do concello.

En Sismundi:

  • O Carme, o 1º domingo de agosto. Procesión da santa polos arredores da restaurada capela. A xira campestre, festéxase ao día seguinte.

En Landoi:

  • O Santiago, o 25 de xullo. Patrón da parroquia e día de Galicia.

Á parte das festas relixiosas celébranse outros eventos importantes como por exemplo o Entroido, en datas variables a principios de ano, con grande arraigo en Cariño; o Repichocón, festa folclórica organizada pola A.C. San Xiao do Trebo, a finais de xullo; a Festa Gastronómica da Caldeirada e da Sardiña Lañada, o primeiro sábado de agosto, na que se degustan pratos típicos de Cariño; a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a máis antiga de Galicia, en datas variables a finais de agosto, entre outras.

Tamén cómpre destacar a existencia da Danza de Arcos de Cariño, de orixe incerta, que é unha agrupación de danzantes portando uns arcos con cintas de cores, que realizan distintos bailes ao son da música de gaita. Orixinariamente composta unicamente por un número impar de mariñeiros homes, integra na actualidade mulleres e homes como danzantes. Van vestidos totalmente de branco, cuns lazos de cores no hombro esquerdo, portando unha banda de cores que pode ser de distintas cores cruzada de dereita a esquerda e un pano floreado na cintura. O que vai diante, denominado guía, é o encargado de sincronizar os movementos co último, denominado cola. Estes dous danzantes distínguense do resto porque levan un Mantón de Manila. Foi levada a outros pobos de Galicia, como por exemplo Camariñas, por mariñeiros cariñeses que se trasladaron a vivir a estas vilas, arraigando o costume nelas.